Todo o mundo é contra min-eh
Residencia | 15–27.04.2024 | Casa da Cultura de Vimianzo
Mostra aberta | 27.04.2024 | 20.30 h | Casa da Cultura de Vimianzo
Todo o mundo é contra min-eh é un proxecto de creación dunha peza performativa a partires dunha investigación titulada Rural e tradición, un fogar en igualdade que Sergio publicou en 2023 sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega. Neste ensaio, reflexiona sobre a importancia de mirar o folclore galego dende unha perspectiva queer, reinvidicando a nosa cultura popular como un espazo de liberdade. En Todo o mundo é contra min-eh vai na procura desta reflexión social arredor do que entendemos por tradición, por cultura galega, facendo fincapé na importancia da memoria, de como se crea e como se constrúe.
Sergio Marey
Sergio Marey provén dunha familia labrega e hosteleira, dun concello da montaña lucense, Pol, que lle deu un continuo e invaluabel contacto co rural galego. Esa cercanía guía a súa relación coa arte baixo unha visión política e social con Galiza. É tan estreita esta relación que non concibe a súa actividade como algo alleo, senon como un axente que se interrelaciona co resto o que provoca en sí cultura.
Esta posición ante a Arte levoulle a unha comprensión diferente das artes, variadas elas e populares, que se encontran ameazadas por causa do descoñecemento, a apropiación e o maltrato continuo. Quere facer pensar e recapacitar sobre os diversos aspectos que tocan a nosa sociedade, en especial aqueles que teñen que ver coa diversidade de xénero e sexual, amosando ao mesmo tempo a riqueza cultural de Galiza.
Ditas cuestións foinas plasmando nas súas últimas pezas, como Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, peza gañadora da XIII Edición dos Premios Auditorio de Galiza. Son múltiples as disciplinas nas que traballa: instalación, fotografía, escrita, escultura, performance ou videocreación.
Así, participou en exposicións colectivas e conferencias sobre o seu traballo en distintos espazos de Galicia, Asturias, Madrid, Rumanía, Portugal, Grecia e Arxentina e tamén realizou o vestiario para distintas películas, performances e videoclips. É autore do poemario Escoradura Sentimental e do ensaio Rural e tradición, un fogar en igualdade (Deputación da Coruña, 2023). Asemade, destaca o seu papel como curadore, xestore cultural e directore da galería Solaina en Lugo.