Mourae (Lois Búa) + Nelu Vermouth

Imaxe Lois Bua

Mitoloxías NPC1

Mitoloxías NPC1 é unha serie de performances que Mourae (Lois Búa) realiza dende 2019 e que actualmente ocupan o centro da súa produción artística.

Debido á súa formación como artista plástico, todas as pezas da serie Mitoloxías NPC están pensadas como instalacións máis que como performances. Nas dúas primeiras, o corpo aparece como un elemento que carga co texto e co personaxe, pero no cal a súa participación é mínima. É por iso que nesta residencia queremos explorar as posibilidades que o movemento nos pode ofrecer para o desenvolvemento desta serie de accións. ¿Cómo se moven os seres que habitan máis alá da realidade? Se as performances se pensan en loop, ¿cómo debería actuar un personaxe mitolóxico que foi "invocado" a modo de render?

Tamén é interesante reflexionar sobre como o público interactúa coa peza. A performance A Cova do Rei Cintolo, ao ser realizada no tempo das restricións da COVID-19 reduce a interacción co público, pero as anteriores estaban pensadas como pezas de consumo 1 a 1. Os personaxes leven un teléfono móbil na boca cunhas auriculares polo que o espectador ten que enfrontarse á criatura para poder escoitar a súa mensaxe, xerando así comunidades de intriga que buscan descubrir esa mensaxe. ¿Que outras maneiras de interacción poden xerar novos tipos de comunidade? ¿Como podemos traballar desde un punto de vista contemporáneo a relación co espectador/participante?

O son tamén é unha cuestión crucial nestas performances, pois toda a carga textual está mediada pola oralidade. É por iso que, aínda que sexa un proceso que vén desenvolvéndose dende o comezo desta creación, seguimos preguntándonos: ¿como soa o máis alá e as criaturas que veñen desde outros planos?

En resumo, esta serie de cuestións e seguramente outras serán as que se traballarán no tempo que dure a experiencia en Graner.
 

Mourae (Lois Búa) + Nelu Vermouth

Mourae (Lois Búa, Muxía, 1996) é un intérprete e artista plástico e sonoro formado en Belas Artes na Universidade de Vigo. O seu traballo move-se dentro de diferentes narrativas nas que as liñas principais son: a relación do ser humano coa tecnoloxía e o uso da tradición oral para especular sobre o futuro. Foi galardoado en 2018 co premio Novos Valores da Deputación de Pontevedra.

Co seu dúo performativo Sangra & Loro, no que participaba xunto a Sandra Varela Asorey, actuou en Performance Crossing Fest (2018) en Praga, dentro do Congreso Fugas e Interferencias (2019 e 2017) celebrado entre Santiago e Pontevedra e na Residencia AcciónMAD (2019) en Columbiello, Asturias.

 

Nelu Vermouth (Narón, 1996), artista multidisciplinar ou mamarracho profesional formado entre Vigo, Barcelona e Lisboa, xoga nas súas creacións coa escoita social, desde o espazo sonoro, a expresión corporal, o autocoidado e o canto tradicional. No seu traballo, os espectadores son o medio co que se reflexiona e mediante a xeración de diferentes atmosferas estes se volven intérpretes e contexto da súa propia celebración. Con este tipo de accións o que se busca é incitar ao baile holístico co que meditar xuntas, en palabras de Sarah Kane, para ser perdoada, para ser amada, para ser libre.