Las bailarinas no tocan el cielo
Residencia | 10–25.07.2023 | Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo
Apertura work in progress | 26.01.2023 | 20.30 h | FIOT Carballo
Las bailarinas no tocan el cielo traballa sobre a figura da intérprete na danza ou nas artes do movemento, en marcos contemporáneos. É un proxecto de investigación, mediación e creación. Por unha banda, trata de abrir espazos de diálogo entre bailarinas que adoitan traballar para outros artistas a través de laboratorios, onde se propoñen dinámicas de discusión e prácticas físicas, e tamén a través de entrevistas persoais. Paralelamente, traballamos tamén nunha peza escénica titulada "Las que bailan", que trata de facer visible as problemáticas deste lugar. Xuntas falamos da soidade, a fe, a autonomía, as relacións de poder, o diñeiro e o paso do tempo, en relación ao noso traballo.
Esta residencia foi posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, o Concello de Carballo, Acción Cultural Española e a Deputación da Coruña.
Laboratorio Las bailarinas no tocan el cielo
21–22.07.2023 | 11–19 horas
Formulario de inscrición Laboratorio
Dentro da Residencia Paraíso que a artista Clara Pampyn vai a desenvolver no Pazo da Cultura de Carballo, abrimos un laboratorio, dirixido a a bailarinas, bailaríns, bailarinxs, que traballan ou traballasen para outros artistas, onde reflexionar sobre o lugar do intérprete.
Neste laboratorio proporemos unha serie de dinámicas de debate en relación ao noso traballo que parten de temas como: a fe, o amor, a soidade, a identidade, o colectivo, a imaxe, a formación, o diñeiro, o esforzo, as relacións de poder…
Tamén compartiremos materiais dos encontros celebrados noutros lugares, para poder escoitar a outros bailaríns, que nos servirán de ferramenta para pensar no noso contexto particular e tamén, dalgún xeito, para poder acurtar a distancia entre nós.
Por outra banda compartiremos a práctica física na que se está a traballar que pensa e utiliza o corpo coma se fose un arquivo de memoria do baile. Adestrarémolo para que se abra e deixe que apareza o que nela contén. Non imos buscar xerar nada novo, todo o que imos buscar xa está en nós, pero pode sorprendernos. Como bailarinas podemos ter diferentes técnicas aprendidas, pero tamén xestos familiares, movementos doutras compañeiras, imaxes dalgún desexo. Nesta parte do laboratorio proporemos diversas formas de abordar esa memoria, a través da improvisación. Traballaremos para xerar un corpo dispoñible, cariñoso e brando que xere un fluxo de movemento, unha autovía moi longa de acontecementos.
A nosa vontade é identificar o que aparece, nomealo, seguir. Baila, nomea, segue. Traballaremos moito a palabra e o movemento, tratando de xerar un fluxo de ambos, unha especie de escritura automática sonora e de movemento. Tentaremos responder, dende a intuición, a palabra e o corpo, ás preguntas: Que é isto? De onde vén? De quen? Que ritmo ten? Que hora usas? Que sensualidade, estrutura, enerxía contén? Onde aprendín este xesto? Cando aprendín este sentimento? Será un traballo que comeza dentro, utilizando prácticas relacionadas coa escoita do corpo en movemento, cara ao exterior, ao común e ao colectivo. A través de todo isto gustaríanos poder construír entre todos un vocabulario, situar os nosos movementos nun centro que é de todos, disolver a autoría, buscar a nosa autonomía como bailarinas. Entre todas tentaremos construír un mapa do noso patrimonio, unha cartografía de sensacións, un manifesto.
Lonxe de querer xerar un discurso sobre a danza, gustaríanos construír un discurso común sobre os que bailan.
O Laboratorio "Las bailarinas no tocan el cielo" desenvolverase no Pazo da Cultura de Carballo entre o 18 e o 29 de xullo 2023. As sesións colectivas marcaranse en relación á dispoñibilidade que vos preguntamos neste formulario.
Clara Pampyn / La Imperfecta
Laimperfecta somos Alberto Alonso e Clara Pampyn un colectivo afincado en Madrid formado en 2016. Nomeámonos como colectivo porque tratamos de permanecer preto únaa da outra, sen cercar a maneira na que participamos dos procesos. Os nosos roles van cambiando, pero o leitmotiv é sempre o mesmo: apoiarnos e impulsar as nosas inquietudes. Temos un forte interese no coreográfico como soporte para depositar a enerxía e a súa transformación e nos estados físicos e emocionais que xera o movemento do corpo. Tamén nos procesos que pensan e cuestionan os nosos contextos.
Clara Pampyn é bailarina e coreógrafa. Como creadora, funda en 2016, xunto a Alberto Alonso, o colectivo Laimperfecta, co que crearon varias pezas. A últimas foron: Twist (Teatros del Canal 2018) e Fuga (Escena Patrimonio 2021). Tamén traballa como coreógrafa para a cantante Silvana Estrada, coa que traballa na coreografía de varios vídeos musicais e crea un concerto escénico, Marchita, estreado en xaneiro de 2023 no Prototype Festival de Nova York. Como asistente de coreografía traballa para Jesús Rubio Gamo en Danzas del Sur de Europa e para Alberto Alonso en Sudar Folclore, en Sobrelajuventud e en 262mil pasos de baile. Como docente imparte clases para a Formación profesional en danza contemporánea no Estudo de Danza Carmen Senra, e en BambúDanza, en Madrid. Como intérprete traballa para Elena Córdoba en Y pareceremos árboles (2022) e en Criaturas del desorden (2021), para Jesús Rubio Gamo en Acciones Sencillas (2021), Gran Bolero (2019), Bolero (2017) e en Danzas del Sur de Europa (2018), para Lucía Marote en El ojo del huracán (2021) e Ella (2019), para Poliana Lima en Las cosas se mueven pero no dicen nada (2020), entre outras. É candidata aos Premios Max como Mellor intérprete feminina de danza en 2019 por Gran Bolero e en 2022 por Acciones Sencillas.