Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld

Monica Pablo & Fede
Monica Pablo & Fede 1
Monica Pablo & Fede 2
Monica Pablo & Fede 3
Hydra Pablo & Fede

Mónica

'Mónica' é un proxecto de investigación escénica e audiovisual en forma de autobiografía especulativa. Nel buscamos subverter a xenealoxía lineal e teleológica para crear unha xenealoxía circular na que o maternal e as relacións horizontais non hetero-normativas sexan tan importantes como a verticalidade patrilineal.

Mónica é tamén o nome das nosas dúas nais. Estamos a realizar un traballo visual e corporal a partir das imaxes que elas crearon: as fotografías eróticas que realizou Mónica Pezdirc nos 90 e as pinturas ecofeministas que pintou Mónica Lilienfeld nos anos 70.

Partindo do arquivo familiar, o proxecto reflexiona sobre as maternidades non-hexemónicas, a xenealoxía tentacular e sobre como construímos o noso espazo doméstico. Utilizamos os xogos de role-play como ferramenta performativa para imaxinar colectivamente xenealoxías nas que o parentesco non estea baseado soamente na ascendencia reprodutiva ou a liñaxe. Mónica materializarase nunha performance audiovisual, creada a partir dos lenzos e fotografías das nosas nais, na que confluirán o doméstico, o creativo, o lúdico, a marxinalidade e o desexo.

Hydra

Hydra é un exercicio coral para espazos non teatrais que explora en que forma a expresión individual é ao mesmo tempo produtora e producida dentro dun grupo. É unha ficción que debe sosterse colectivamente, unha criatura en movemento que excede aos individuos pero necesita a cada un deles para existir.

A Hydra -ser mitológico de moitas cabezas- é a nosa tecnoloxía: unha extensión do que somos, unha forma posible de narrarnos a nós mesmas. Suando e rumoreando, falando e bailando, nesta xeometría do desexo conformamos xuntas unha secuencia, un patrón no que se alternan o colectivo e o singular; a repetición e a ficción. 

Hydra é un proxecto realizado en colaboración con Janet Novás, Félix Fernández e Anaël Snoek.

Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld

Traballamos como colectivo desde o 2014. Os dous estudamos Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense de Madrid pero tras a universidade Fede decantouse polas artes visuais -completando un MA no Royal College of Arts en Londres- e Pablo pola coreografía e a creación musical -estudando danza no RCPD de Madrid-. Vivimos en Bruxelas desde o 2017 onde Federico participou no programa de investigación a. pass e Pablo completou Research Studios en P.A. R. T.S.

O noso traballo utiliza a ficción especulativa dentro da danza / performance, o documental, a fotografía e a instalación para interromper as narrativas normativas que foron naturalizadas polos discursos históricos. Desde o 2017 traballamos nas Pezas Dragón, unha serie de traballos que, a través de prácticas tan diversas como a natación sincronizada ou os xogos de rol, exploran representacións da colectividade que cuestionen as formas hexemónicas de narrarse, fluctuando entre a monstruosidade e a fantasía transindividual.