Colectivo RPM, en colaboración co Auditorio de Galicia, impulsa un laboratorio coa artista Amalia Fernández dirixido a artistas do campo das artes performativas con interese de compartir unha experiencia colectiva arredor do universo artístico desta coreógrafa andaluza.
O laboratorio –que terá lugar entre os días 10 e 14 de agosto na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela– afondará na súa obra En construcción (2014). O obxectivo desta iniciativa é construír unha versión colectiva propia que se poderá ver na Casa das Máquinas o día 14 de agosto ás 20 horas, dentro do marco do Festival C de Santiago de Compostela.