Stratos (La piedra siempre estuvo allí)

Un encontro fortuíto cun tecnofósil enviado desde unha época futura marca varios acontecementos dunha viaxe na que estableceremos contacto a través de sistemas de comunicación bioquímica con seres unicelulares, poñendo de manifesto como o micro afecta ao macro, materia que vibra e nos afecta, creando relacións, efectos e posibilidades.

Unha posta en escena que se articula en diferentes capas que dialogan entre si: música viva, materia vibrante, o non humano, microorganismos como axentes activos no escenario. Voces de pensadores e pensadoras como Bruno Latour, Blaise Pascal ou Lynn Margulis acompáñannos nesta viaxe sensorial.

A música, o cinema e o escénico entrelázanse e unen forzas para crear unha linguaxe común. BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo –e Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld como colaboradores– conflúen para xerar unha forza colectiva maior.
 

BFlecha, Mwëslee & Diana Toucedo

BFlecha, Mwëslee & Diana Toucedo

BFlecha é o nome artístico da produtora, compositora e cantante Belén Vidal. Pioneira na escena electrónica iberoamericana, leva máis dunha década combinando vangarda sonora e instinto pop. Desde a publicación do seu primeiro disco, βeta (2013), non deixou de explorar novos sons. Esta evolución fíxose visible en Kwalia (2017) e alcanzou o seu punto álxido con ExNovo (2021), unha investigación entre a persoa física e virtual construída a partir dun ensamblaxe de instrumentos orgánicos e texturas dixitais.