Open Call nace do interese de Antón Yanguas por traballar en relación ao enfrontamento do bailarín coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra. Boa parte do traballo nas artes escénicas non acontece no estudio, senón diante do ordenador, elaborando e presentando candidaturas que deben expresar o valor engadido desa obra para que poida levarse a cabo.
Partindo desta reflexión, o proxecto Open Call formula varias preguntas: ¿non deberiamos entender o márketing que rodea ao traballo do creador doutra maneira? Porque é algo máis complexo que un simple “saber venderse”, xa que o márketing da imaxe é esa premisa desde a que se parte. O traballo nunca remata e sempre pode transformarse, mais das premisas hai que render contas. Entón, será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?
Desde esta idea arredor do labor do bailarín, Antón busca desenvolver un proxecto no que plasmar un fondo desexo: amosar a súa singularidade e ser visto, expoñerse por completo, preguntándose se iso ten sentido para o interese do público. ¿De que maneira facer viábel un concepto, unha imaxe na que se cre polo seu potencial, na que un creador se expón por completo? ¿Como facerse entender naquilo que quere expresar intimamente, pero que ten que exteriorizar, que debe facer comprensible, e amosar algo que, con todo, nunca verá desde a posición do público? ¿Como ser pura exposición, como entregar toda a súa imaxe ao público?
De toda esta exposición influída por diferentes fisicalidades, en Open Call xorde unha última pregunta e unha última incógnita na que o autor busca estar presente no que fai, independentemente das súas prácticas pasadas e referentes. ¿Sería posíbel unha danza sen comentario? Quizais só converténdonos en pura imaxe poidamos descubrir algo máis alá diso, algo máis alá da danza como xuízo.