O Deus do Pop

O deus do pop é a quinta peza en solitario de Diego Anido. O espectáculo é, máis que nunca, o resultado dunha metodoloxía de traballo moi persoal e pouco común. Nela convive a variedade escénica: texto, danza, baile, música en directo (con estraños obxectos…) cunha depurada dramaturxia que trata de dar vida a unha biografía nada de aparear a vida dunha pseudo estrela do pop coa propia biografía do autor.

O deus do pop é un singular individuo que transita pola escena cun delicado camiñar, unha voz suave e unha enerxía salvaxe para mostrar todo o que o seu talento permítelle ser.

-DEUS DO POP: Tres días despois o meu pai recolleunos na entrada do hospital, e unha vez en casa abríronnos a porta as miñas irmás CARLA e SUSANA que acababan de chegar de pasar as vacacións na praia, en casa dos tíos, no 6ºA. Non son xemelgas, pero todo o mundo confúndeas porque son idénticas, como dous vasos de plástico. Non se lembraban de que mamá estaba embarazada de min antes de irse de vacacións. Por iso Susana, ao verme, preocupada, exclamou: “Oh, santo ceo, que Deus nos axude! Outro máis!”. Pero estaba equivocada, eu non era outro máis. Eu era único.

Diego Anido

Diego Anido

Comeza a súa formación en Compostela e trasládase a Barcelona en 2004. Alí comeza a colaborar con compañías e colectivos de gran pegada nacional; Agrupación Señor Serrano, Raravis, Andrés Corchero e Rosa Múñoz, no territorio galego forma parte de producións co CDG e Voadora, funda xunto a Borja Fernández, Laura Iturralde e Pablo Rega, o colectivo Marciano Balboa.