Mónica

'Mónica' é un proxecto de investigación escénica e audiovisual en forma de autobiografía especulativa. Nel buscamos subverter a xenealoxía lineal e teleológica para crear unha xenealoxía circular na que o maternal e as relacións horizontais non hetero-normativas sexan tan importantes como a verticalidade patrilineal.

Mónica é tamén o nome das nosas dúas nais. Estamos a realizar un traballo visual e corporal a partir das imaxes que elas crearon: as fotografías eróticas que realizou Mónica Pezdirc nos 90 e as pinturas ecofeministas que pintou Mónica Lilienfeld nos anos 70.

Partindo do arquivo familiar, o proxecto reflexiona sobre as maternidades non-hexemónicas, a xenealoxía tentacular e sobre como construímos o noso espazo doméstico. Utilizamos os xogos de role-play como ferramenta performativa para imaxinar colectivamente xenealoxías nas que o parentesco non estea baseado soamente na ascendencia reprodutiva ou a liñaxe. Mónica materializarase nunha performance audiovisual, creada a partir dos lenzos e fotografías das nosas nais, na que confluirán o doméstico, o creativo, o lúdico, a marxinalidade e o desexo.

Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld

Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld

Traballamos como colectivo desde o 2014. Os dous estudamos Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense de Madrid pero tras a universidade Fede decantouse polas artes visuais -completando un MA no Royal College of Arts en Londres- e Pablo pola coreografía e a creación musical -estudando danza no RCPD de Madrid-. Vivimos en Bruxelas desde o 2017 onde Federico participou no programa de investigación a. pass e Pablo completou Research Studios en P.A. R. T.S.