Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos

Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos é unha produción do colectivo VACAburra. onde colisionan dous corpos invertidos cunha longa traxectoria atravesada polo movemento, as artes escénicas e a investigación teórica. Un proxecto de Gena Baamonde ·mullerona· acompañada por Andrea Quintana ·la variopinta·.

Conferencia freak en formato desbordado arredor da lectura escénica dos corpos sexuados. Bastardía disciplinar, investigación desleal ubicada na mestura, na busca de carroña metodolóxica e incoherencia corporal que xorde da necesidade de expandir e traducir a linguaxe escénica o proceso de investigación académica da tese doutoral: Sexualidades Des-Xeneradas na Práctica Escénica Contemporánea. 

Esta peza investiga arredor do funcionamento dos mecanismos escénicos de construción das identidades sexuais diverxentes. Tenta achegar as ferramentas estéticas e ideolóxicas nas que se desenvolve a diversidade sexual nas novas linguaxes escénicas e analiza o cuestionamento da heteronorma e os xéneros binarios a través da súa representación escénica. 

Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos explora un formato bastardo de relación teórico-práctica que busca non só a transmisión de coñecementos xerados no campo teórico senón a creación de novos coñecementos xerados dende a escena, dende os corpos, reivindicando o humor como posibilidade dentro da academia. Validando tamén a linguaxe propia das artes escénicas que se presenta como unha ferramenta eficaz de diálogo entre a cidadanía e o ámbito universitario.