Método negro

A peza circunscríbese ao ámbito das artes do movemento, atopando o seu lugar entre a performance, a instalación, a acción contemporánea, a danza e os procesos de investigación. Unha coreografía de encontro con “o outro”, nun pulso co real e o seu dobre. Un exercicio que pretende declinar a ausencia: "A outra metade que non se ve, como o baleiro ao que volve o resplandor." Ao bailala non se desenvolve a presenza da forma, pois o movemento acontece a través da desaparición da forma. Declínase a ausencia. Un devir imperceptible.

Consta dun proceso de creación continuo, que sostén a convocatoria de grupos de traballo temporais. A intención é a de situar nos corpos os contidos que conforman as texturas de movemento de ‘método negro’. Desenvolvendo unha deriva investigadora en comunidade, nun corpo ampliado ou ácrata. Trátase de permitir a inferencia e a crítica, enriquecendo a coreografía na coemerxencia do fenómeno, e compartir coñecemento. 

Unha práctica en código aberto.

Javier Martín

Javier Martín

Coreógrafo e investigador. Desenvolve un proxecto de investigación - cun enfoque epistemolóxico e crítico - arredor das artes do movemento. Situado na creación coreográfica e performativa, atopa as súas fugas en diferentes desbordamentos discursivos e as súas aplicacións, como a escrita, conferencias-performativas, procesos de obra acompañados de laboratorios e grupos de traballo, a activación e desenvolvemento de grupos de investigación, o acompañamento de itinerarios formativos en distintas universidades, ou o desenvolvemento de seminarios.