Lima Limón Menta

Lima limón menta nace da vontade de xerar un espazo fresco, accesible e sen formalidades para o encontro entre artistas e cidadanía sensible.

Nun contexto no que moitas veces os intercambios entre creación e sociedade acontecen a través de presentacións, eventos ou mediacións específicas, interésanos habilitar un lugar onde simplemente coincidir, conversar e coñecernos. Un espazo onde as prácticas artísticas poidan entrar en contacto con outras experiencias, intereses, saberes e formas de mirar, e onde a vontade atoparse sexa o punto de partida común.

Interésanos recuperar a idea deses lugares aos que non se vai por unha función concreta, senón pola posibilidade de atopar a outras persoas. Como unha praza ou un bar de confianza, Lima limón menta quere ser un lugar intermedio entre o privado e o institucional, onde as conversas suceden sen programa e as comunidades se tecen de maneira informal.

Pensamos estes encontros como unha oportunidade para fortalecer vínculos, reducir distancias e propiciar relacións máis próximas entre quen crea e quen se sente interpelada pola cultura, a arte e o pensamento contemporáneo. Un lugar para compartir inquedanzas, intuicións, preguntas ou historias que habitualmente quedan fóra dos espazos de exhibición, produción ou consumo cultural.

Lima limón menta quere reivindicar o valor das conversacións informais, dos encontros sen expectativa produtiva e do tempo compartido como formas de construír comunidade.

Unha mesa, un mediodía, limas, limóns e menta.  

 

Sesión 1 – sábado 20 de xuño de 12 a 14 horas

#FORMULARIO INSCRICIÓNS
 

Imaxe Lima Limón Menta