La excitación del paisaje: conferencia montañera

La excitación del paisaje é un proxecto de investigación artística desde o que me propoño a paisaxe non como algo dado, senón como unha relación: a que se establece entre quen mira e aquilo que é mirado. Nese cruzamento, a paisaxe aparece como un campo de preguntas sobre a nosa relación co contorno.
Corpo, imaxe e son actívanse como ferramentas para desprazar esa relación e ensaiar outras formas de vincularnos co contorno. Non se trata só de mirar, senón de preguntarse que ocorre nese acto, que tipo de presenza produce e como pode transformarse.

Este proxecto nace do proceso de investigación La excitación del paisaje: La roca blanda, realizado nos Pireneos entre finais de 2025 e comezos de 2026. Trátase da Paisaxe nº4 e céntrase nas paisaxes que construímos coas montañas. Fronte á súa escala e á súa aparente inmobilidade, a rocha —dura, pesada— proponse como materia sensible: algo que pode escoitarse, rodearse, imaxinarse e incluso trasladarse. Tamén suavizarse: alterar o seu peso, desprazar a súa escala, abrila a outras percepcións. Mirala desde outros puntos de vista e achegala ao corpo.

O proxecto despregase en distintos formatos —encontros, materiais visuais e sonoros e un dispositivo escénico— e, nesta ocasión, toma a forma dunha conferencia expandida: un espazo onde a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse.
 

Imaxe Óscar Bueno

Óscar Bueno Rodríguez

Óscar Bueno Rodríguez

Óscar Bueno (1985, Avilés, Asturias) é licenciado en Arte Dramático pola ESAD de Asturias na especialidade de Interpretación Textual, titulado en Grao Profesional de Música con especialización en Piano, e máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidade de Castilla-La Mancha e o Museo Reina Sofía (Madrid).

A súa práctica móvese de maneira constante entre o performativo, o musical e o visual, de forma máis ou menos intencional. Defínese como creador e intérprete, pero tamén traballa acompañando procesos doutros artistas.