Incorpórea

“O que vós vedes non é o meu corpo, nin sequera é a miña imaxe – é o que me ocorre por dentro” – Suevia Rojo

Incorpórea pretende retratar a entrada nun corpo que existe non pola súa imaxe, senón por aquilo que é esencialmente interno. É un chamamento a recoñecerse por dentro, de auto-investigación e auto-cuestionamento sobre o que fai definirse a un mesmo. Trátase de mirar esencialmente cara adentro, onde as diferentes capas que compoñen a conciencia sobre un mesmo se revelan como mapas vivos de experiencias, desexos e contradicións constantes, sendo a intersección entre o que sentimos e o que pensamos ser.

O corpo deixa de ser só un espazo que contén información e convértese nun lugar de procura. Convértese nun xesto de vulnerabilidade e poder: vulnerabilidade para afrontar os propios abismos; poder para resignificalos.

Unha investigación que invita a transformar eses procesos internos en linguaxe corporal, a darlles luz incluso cando intentan ser agochados.

Sobre facer visible o que non pode ser visto salvo por un mesmo. Un xesto que transcende un simple corpo, que busca capturar aquilo que se define como Incorpórea.

De recoñecer aquilo que pulsa no silencio, que insiste en existir mesmo cando non é nomeado.

© Miguel Angelo Ferraz