Brutalismo

Brutalismo será o novo traballo de Isabel Do Diego en forma de concerto-escénico. Un site-specific ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis alá dos construídos para as artes vivas. O seu formato álbum terá forma de EP con tres ou cinco novos temas.

En Brutalismo, Isabel Do Diego faise as seguintes preguntas:

Onde comeza e onde remata o folclore do século XXI?

É a electrónica, como xénero permeable, o seu contedor máis inherente?

É posible crear un universo atávico-musical no pleno século XXI?

Para poder imaxinar, crear e materializar Brutalismo, Isabel Do Diego interésase polas prácticas máis atávicas e minimalistas do folclore en relación á súa sonoridade, a súa musicalidade, a súa festividade e a maneira de poñer o corpo na escena para a súa execución. O corpo como instrumento total. O corpo-médium que necesita ser mostrado, o máis austero posible, para encarnar a música da maneira máis directa e rotunda. Atravesar ao público e habitar a electrónica como folclore en si mesmo.

Para isto, Isabel Do Diego realizará unha dramaturxia musical elixindo os temas máis crus, rítmicos e contundentes de todos os seus álbums, entrelazando con estes os novos temas de Brutalismo EP. Tamén actualizará sonoridades e melodías para que así, este novo concerto-escénico, sexa vivido como unha experiencia única e acorde aos seus propios códigos escénicos.

Como vén sendo habitual dende o seu segundo álbum, Isabel Do Diego está creando un novo instrumento: Gavión, co que traducir a música o anteriormente citado e levalo á escena utilizando o corpo de maneira non tradicional ou académica. Gavión estará elaborado con aceiro inoxidable máis madeira virxe e todo iso conectado a un software. Neste instrumento-máquina é o corpo, como ser vivo, o ponte necesario para que a música brote.

É en Brutalismo, onde Isabel Do Diego pechará un ciclo de sete anos e propoñerá unha viaxe escénica-musical robusta e sólida. Un universo entre o atávico e atemporal do folclore e a electrónica. Unha performance sobrehumana onde Isabel Do Diego desplegará unha electrónica poliédrica, vigorosa e centelleante que servirá de base para unhas melodías vocais tradicionais e austeras que se transmutarán a través dun corpo-médium en pleno fulgor vital. Ademais, a idea inicial é ampliar o equipo e contar con outros músicos-performers para desenvolver e amplificar esta posta en escena.
 

Isabel Do Diego

Isabel Do Diego

Isabel Do Diego –alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada– desenvolve, no seu traballo musical e escénico, un folclore austero, brutalista e sacralizado.

O queixío electrónico de Isabel Do Diego abre un corpo á fuxida que traza unha nova perspectiva sobre o folclore andaluz. A súa música é unha prótese folclórica que transcende os espazos que a carne non pode habitar. Un ser híbrido. Un corpo que, na escena, camiña entre o humano, o animal e o espiritual.