Anfibia

Grazas á nosa colaboración con Dantzagunea e no marco dos Cruceiros Paraíso 2023, Ana Beatriz Pérez achegarase a este espazo para a creación en Errentería, para comezar a traballar nunha nova proposta escénica baixo o título de “Anfibia”

"Todo empeza por imaxinar, imaxinar un espazo en branco que vai cobrando vida ou sentido, que se transforma en corpo, en acción, en loita, en jadeo, en quietude. Un espazo de inmersión, para respirar dentro, para ir en procura da calma, do acougo posterior ao arrebato, ao nervio. E neste exercicio de imaxinar, aparece un nome, Anfibia, un nome que me move cara a algo que aínda está por descifrar, pero que indica adaptabilidade. Capacidade de saber atoparse en varios medios. En terra ou en mar, no consciente e o inconsciente, na ficción e na realidade.

Co interese de mergullarme neste concepto anfibio, comezarei esta primeira etapa do traballo, que terá como punto de partida a respiración e as súas distintas manifestacións. Facendo un exercicio de observación e concienciación do acto de respirar."

Imaxe Ana Beatriz Pérez

Ana Beatriz Pérez

Ana Beatriz Pérez

Graduada na Escola Nacional de Artes da Habana na especialidade de danza moderna e folclórica (1984-1991). Foi integrante da compañía Danza Contemporánea de Cuba durante dez anos, alcanzando o título de primeira bailarina.

No ano 2001 trasládase a Galicia convidada pola Compañía Druída Danza. Foi integrante de varias compañías Experimenta Danza, Trespasando e Cía Entremans onde desenvolveu gran parte do seu traballo. Desenvolve a súa carreira profesional tanto na creación como na docencia, permitíndolle manterse en activo até hoxe.