Entidades colaboradoras

Xunta de Galicia – AGADIC

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, é a principal entidade colaboradora do programa Residencias Paraíso e do Encontro Paraíso Illa San Simón; hoxe en día baixo a firma dun convenio anual.

A Axencia Galega das Industrias Culturais é unha axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Dacordo cos fins que lle atribúe a súa lei de creación, ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego. As súas competencias esténdense á totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais e empresas, levando a cabo diferentes liñas de traballo encamiñadas a dotar de maior estabilidade o sector, optimizar a xestión empresarial nos procesos de produción e distribución, dinamizar o mercado interior e promover a proxección exterior da cultura galega.

Acción Cultural Española (AC/E)

A través do programa PICE Residencias na súa convocatoria de 2023, Acción Cultural Española (AC/E) sitúase como colaboradora fundamental do programa Residencias Paraíso 2023.

Acción Cultural Española (AC/E) é unha entidade pública dedicada a impulsar e promocionar a cultura e o patrimonio de España, dentro e fóra das súas fronteiras, a través dun amplo programa de actividades que inclúe exposicións, encontros, cinema, teatro, música, producións audiovisuais e iniciativas que fomentan a mobilidade de profesionais e creadores.

Ministerio de Cultura - INAEM

Colectivo RPM foi beneficiario das liñas de axuda do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) o que nos permitiu xerar contidos específicos vinculados á creación dixital a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea que están vehículados por esta administración estatal.

O Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) é o organismo do Ministerio de Cultura e Deporte que se ocupa de articular e desenvolver os programas relacionados co teatro, a danza, a música e o circo en todo o Estado. Entre os seus obxectivos está o de promocionar, protexer e difundir estas materias, proxectalas no exterior e coordinar a comunicación entre as CCAA. Desenvolve o seu labor en dúas grandes áreas: a área de creación e promoción directa e a área de apoio a entidades públicas e privadas, compañías e agrupacións artísticas.

Deputación de A Coruña

A Deputación da Coruña é a entidade provincial coa que levamos adiante distintas actividades ao longo do ano, enmarcadas dentro da liña de apoio a entidades sen ánimo de lucro con actividade no ámbito supraprovincial.

A área de cultura da Deputación da Coruña, baixo o lema A cultura é un dereito aposta por traballar cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade, cooperando con concellos, entidades e artistas. Entre as súas liñas de actuación está a Rede Cultural para a programación artística nos distintos concellos, as bolsas artísticas e de investigación, os premios disciplinares e as distintas liñas de apoio a concellos e entidades culturais da provincia da Coruña.

Concello de Lugo

Dentro da rede de espazos colaboradores do programa de Residencias Paraíso atópase O Vello Cárcere de Lugo, un espazo multifuncional pertencente ao Concello de Lugo, que se compromete a acoller a dous artistas anuais para o desenvolvemento de dúas residencias de investigación que se mostran ao público en formato work in progress, grazas ao apoio fundamental desta institución.


O Vello Cárcere é un espazo que despois de 130 anos de historia converteuse nun referente da vida cultural da cidade de Lugo. Cunha rehabilitación marabillosa, o espazo combina espazos para exposición permanente -que trasladan o relato dos represaliados- con moitas outras actividades de carácter cultural e social que ocorren tanto nas celas e calabozos como no patio central do edificio.

Concello de Carballo - Pazo da Cultura de Carballo - FIOT

Dentro da rede de espazos colaboradores do programa de Residencias Paraíso atópase o Pazo da Cultura de Carballo como teatro público pertencente ao Concello de Carballo, que se compromete desde o inicio do programa a acoller a un artista anual para o desenvolvemento dunha residencia. Este artista abre o seu proceso de creación no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT).


Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e a súa proxección, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural. Desde hai máis de 32 anos o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadores emerxentes. Pero, sobre todo, o festival buscou atraer novos públicos ao teatro. Recentemente abriron unha liña máis experimental, denominada OVNI, onde se enmarca a mostra work in progress da nosa residencia Paraíso.

Concello de Pontevedra - Pazo da Cultura de Pontevedra

Dentro da rede de espazos colaboradores do programa de Residencias Paraíso atópase o Pazo da Cultura de Pontevedra como teatro público pertencente ao Concello de Pontevedra, que se compromete a acoller a un artista anual para o desenvolvemento dunha residencia. 

O ciclo Danza Pontevedra iníciase en 2023 no Pazo da Cultura de Pontevedra co obxectivo de achegar dunha maneira intensiva a disciplina da danza ao público pontevedrés. O Pazo da Cultura de Pontevedra é un complexo cultural de gran escala dotado de auditorio, sala de exposicións temporais, salón de actos, oito seminarios e outras salas de múltiples usos. Durante todo o ano alberga unha intensa e variada actividade cultural.

Concello de Ribadavia - Mostra Internacional de Teatro (MIT)

Dentro da rede de espazos colaboradores do programa de Residencias Paraíso atópase a Igrexa da Madalena do Concello de Ribadavia, que acolle a un artista anual para o desenvolvemento dunha residencia que se abre en formato work in progress no marco da Mostra Internacional de Teatro (MIT).


A MIT de Ribadavia está considerada a capital teatral do país. Cuns inicios que se remontan a 1973, a partir de 1984 transfórmase en festival internacional, apostando polos grandes mestres da escena internacional, as novas tendencias e a relación cos circuítos de maior prestixio. Pasou de ser a Stratford galega a ser tamén, como publicou o diario El País, unha sorte de Avignon á galega. 
 

Concello de Santiago de Compostela - Auditorio de Galicia

A Xornada socias-amigas de Colectivo RPM sitúase desde hai anos na Sala Mozart do Auditorio de Galicia grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela que nos permite reunir á comunidade que está ao redor de RPM nunha xornada de reflexión e formativa.

O Auditorio de Galicia é un dos equipamentos culturais máis nutridos en oferta cultural da capital galega. Desde 1996 é a sede da Real Filharmonía de Galicia. O complexo conta con catro salgas nas cales se distribúe unha intensa programación de representacións escénicas, concertos, conferencias, exposicións, coloquios, conferencias de prensa ou presentacións.
 

Pazo da Cultura de Narón

Dentro da rede de espazos colaboradores do programa de Residencias Paraíso atópase o Pazo da Cultura de Narón, que se compromete desde o inicio do programa a acoller a un artista anual para o desenvolvemento dunha residencia técnica. 


O Pazo da Cultura conta cun aforamento total de 900 persoas. O seu extraordinario equipamento técnico faille distinguirse dentro dos teatros de Galicia. A súa aposta de programación está aberta ás linguaxes escénicas convencionais e contemporáneos.

Concello de Vimianzo

Dentro da rede de espazos colaboradores do programa de Residencias Paraíso atópase a Casa da Cultura de Vimianzo como teatro público pertencente ao Concello de Vimianzo, que se compromete desde o ano 2024 a acoller a un artista anual para o desenvolvemento dunha residencia no seu espazo.

A Casa da Cultura de Vimianzo foi inaugurada no ano 2007. Nos máis de 2.500 metros cadrados, desenvólvese unha intensa actividade cultural durante todo o ano, facendo que o Concello de Vimianzo sexa un referente en toda a comarca pola súa destacada programación cultural e deportiva.

Fundación Cidade da Cultura - Centro Dramático Galego

O programa de Residencias Paraíso está participado por distintas entidades públicas. Este é o caso de Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego con quen colaboramos na realización de dúas residencias artísticas no marco do seu programa de residencias REGA. 


A Fundación Cidade da Cultura de Galicia créase en 1999 co obxecto de centrarse na creación e xestión dun espazo multifuncional e multidisciplinar para a interacción cultural. Está situada no Monte Gaiás de Santiago de Compostela e está concebida como un polo cultural dedicado ao coñecemento e a creatividade contemporánea. As Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) teñen como finalidade apoiar o talento e dar visibilidade á creación artística e cultural contemporánea, tanto galega como internacional.


Pola súa banda, o Centro Dramático Galego, é a unidade de produción teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais que se dedica á creación e representación de repertorio dramático, abrindo liñas de colaboración coas compañías de teatro de Galicia e outros artistas escénicos independentes. 

Fundación "la Caixa"

Dentro da nosa liña vinculada á mediación artística con comunidades, a Fundación “la Caixa” é unha das institucións colaboradoras dende o ano 2024 no que cofinancian as primeiras fases do noso proxecto Atoparnos en San Sadurniño.

Fundación “la Caixa”” traballa –desde fai máis dun século– na creación de oportunidades a persoas que máis o necesitan. O seu compromiso pasa por construír un mellor futuro para todas as persoas, desenvolvendo solucións para o progreso social, a cultura e a ciencia, a educación e a investigación e a saúde.