Tânia Carvalho

Imaxe Tânia Carvalho
©Rui Palma (imaxe orixinal) / ©RPM (deseño)

Tecer o corpo, habitar a sombra

O laboratorio RPM 2025 –da man da artista portuguesa Tânia Carvalho– afondará na investigación do corpo como territorio de persistencia, tránsito e transformación, tomando como referencia elementos de A tecedura do caos, unha das súas obras más coñecidas, así como da súa nova creación en proceso, Ventre do vulcão.

O diálogo con cadros en vivo e a reconfiguración de xestos do ballet clásico e romántico nunha búsqueda incesante tal Ulises que nunca chega ao fogar, propios de A tecedura do caos, combínanse coas sombras íntimas que habitamos e resistimos revelar na que se inspira a exploración do proceso Ventre do vulcão.

Un laboratorio para tecer corpo, imaxe e memoria. Un laboratorio no que Tânia nos convida a que a pegada do pasado se transforme en novas rutas de expresión.
 

Tânia Carvalho

Viana do Castelo, 1976

Coñecida principalmente como coreógrafa, cun percorrido de máis de dúas décadas de creación, Tânia Carvalho é unha artista multidisciplinar cuxo talento se estende a outras áreas como a música, o debuxo e o cinema, tanto en Portugal como no estranxeiro.

No universo coreográfico, Tânia Carvalho conta cun admirable portafolio, no que destacan tamén creacións para compañías como o Ballet de l’Opéra de Lyon ("Xylographie"), a Company of Elders, en Londres ("I Walk, You Sing"), a Companhia Nacional de Bailado ("S"), a Companhia Paulo Ribeiro ("Como é que eu vou fazer isto?"), a Companhia de Ballet do Norte ("3"), Dançando com a Diferença ("Doesdicon"), o Ballet National de Marseille ("one of four periods in time, ellipsis"), Tanzmainz Company ("Mysterious Heart"), entre outras.
Entre os seus proxectos musicais destacan “Madmud”, “Idiolecto” e “dubloc barulin”. En 2018 realizou Um Saco e uma Pedra – peça de dança para ecrã, a súa primeira película. En 2021 formou, xunto ao músico e performer Matthieu Ehrlacher, o dúo Papillons d’éternité. Dende entón, este dúo creou e presentou “Pieris Napi”, “Greta Oto”, “Lyropteryx Appollonia” e “Nymphalis Antiopa”.

Tânia Carvalho foi galardoada co Premio Novos Creadores 2000 con Inicialmente Previsto (1999) e en dúas ocasións co Premio á Mellor Coreografía pola Sociedade Portuguesa de Autores, con Icosahedron (2012) e onironauta (2021). No marco do programa da Temporada Cruzada Portugal-Francia 2022, o Théâtre de la Ville dedicoulle unha atención especial ao traballo de Tânia Carvalho, presentando varios dos seus espectáculos ao longo do ano, en París.

En 2019 foi distinguida co título de Cidadá de Mérito polo Concello de Viana do Castelo e, en 2023, condecorada polo Ministerio de Cultura de Francia coas insignias de Chevalier de L’ordre des Arts et des Lettres, como homenaxe á súa contribución ao enriquecemento cultural do país.