Incorpórea
“O que vós vedes non é o meu corpo, nin sequera é a miña imaxe – é o que me ocorre por dentro” – Suevia Rojo
Incorpórea pretende retratar a entrada nun corpo que existe non pola súa imaxe, senón por aquilo que é esencialmente interno. É un chamamento a recoñecerse por dentro, de auto-investigación e auto-cuestionamento sobre o que fai definirse a un mesmo. Trátase de mirar esencialmente cara adentro, onde as diferentes capas que compoñen a conciencia sobre un mesmo se revelan como mapas vivos de experiencias, desexos e contradicións constantes, sendo a intersección entre o que sentimos e o que pensamos ser.
O corpo deixa de ser só un espazo que contén información e convértese nun lugar de procura. Convértese nun xesto de vulnerabilidade e poder: vulnerabilidade para afrontar os propios abismos; poder para resignificalos.
Unha investigación que invita a transformar eses procesos internos en linguaxe corporal, a darlles luz incluso cando intentan ser agochados.
Sobre facer visible o que non pode ser visto salvo por un mesmo. Un xesto que transcende un simple corpo, que busca capturar aquilo que se define como Incorpórea.
De recoñecer aquilo que pulsa no silencio, que insiste en existir mesmo cando non é nomeado.
Suevia Rojo
Suevia Rojo é unha bailarina e performer freelance, nacida en Santiago de Compostela en 2002. Mudouse a Oporto aos catorce anos para dar continuidade aos seus estudos en danza.
Entre 2020 e 2022 estudou en Performact, un programa intensivo de dous anos onde tivo a oportunidade de traballar con varios artistas internacionais e onde comezou a desenvolver a súa propia identidade na danza e na performance. Entre os seus traballos máis recentes tanto como creadora e/ou intérprete atópanse "A Água vai e vem e dança também" en colaboración con Frederica Campos no ámbito de Contrapartituras - Bolsa de creación do Quarteto Contratempus; presentación do solo “Longa Exposición” - Festival Singularidades/Açores con apoio da DGArtes; bailarina na peza “HIDE TO SEEK” de Júlio Cerdeira no marco de Palcos Instáveis - Teatro Municipal do Porto; presentación do solo de danza “Pensar a Contratempo” no marco do apoio bianual do festival ABANEA - Galicia; intérprete na peza “O que se Esconde no Silêncio” - RÉPTIL en co-producción co Teatro Constantino Nery e o CineTeatro de Gouveia e co apoio da DGArtes.
A súa investigación artística explora como o corpo pode ser abordado como un espazo de memoria, creando un diálogo interno entre estados físicos e emocionais. A través do movemento, investiga a conexión entre conciencia e instinto, transformando a vulnerabilidade en forza e a experiencia interna en forma física.
Actualmente reside en Oporto, onde desenvolve o seu traballo como freelance en colaboración con outros artistas e compañías como bailarina e performer.