Monxa Millo Sentinela
No territorio galego, a nosa cultura popular, os nosos corpos e a nosa paisaxe atópanse atravesados pola promesa incumprida, desprazándoa a outros territorios ou poñéndoa en suspensión. Para desarticular a maquinaria estética que reproduce as devanditas promesas cómpre traballar na súa comprensión sensíbel.
Monxa Millo Sentinela é unha investigación escénica situada no final da espera. Monxa Millo Sentinela parte de 3 corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que serán postos en crise, pervertidos e transformados.
Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü
Sara Somoza é creadora escénica. A súa investigación ronda as existencias máis fráxiles, pequenas e fracasadas. Comprende a práctica escénica contemporánea como un espazo no que aquelas teñen a posibilidade de non desaparecer. Para exploralo, traballa sobre as tensións entre ficción e documental. Estudou o mestrado en Pensamento e Creación Escénica Contemporánea na Escola Superior de Arte Dramática de Castilla y León, no cal desenvolveu a peza ¿Becky Newton? Actúa, dirixe e escribe.
Ismael Eirexas Romeü é travesti e creador plástico-escénico. A súa obra como transformista desenmárcase da estética hexemónica do campo do drag, afondando en prácticas autóctonas galegas de performatividade e reinterpretándoas co obxectivo de mostrar o seu caracter disidente e crítico con respecto ó xénero. Así mesmo, a través do deseño, elaboración e presentación de máscaras como eixo central da súa investigación postula a creación dun arquivo estético e perfórmático contemporáneo que dialoga cos proxectos de re-escritura histórico-culturais queer.
Ámbalas dúas traballan en colectivo no Laboratorio da Fame.