Corpofalares
Corpofalares é un grupo de pensamento e estudo sobre artes vivas impulsado por RPM que nace como un espazo de encontro, conversa e reflexión compartida arredor da creación contemporánea. Na súa primeira edición, en outono de 2026, contará coa investigadora, creadora e xestora cultural Sabela Mendoza como condutora das sesións:
"Ai, se os corpos falaran... Que nos dirían? Que diríamos nós? Que seriamos capaces de aprender? Espera, isto xa está acontecendo. En verdade, non deixa de acontecer."
Corpofalares propón reunir periodicamente en Espazo RPM un grupo diverso de persoas formado tanto por profesionais das artes vivas como por cidadanía sensible que quere achegarse a este ámbito desde a curiosidade para aprender e imaxinar xuntas, favorecendo o intercambio de perspectivas, experiencias e formas de mirar arredor dos corpos, o movemento, a danza e a performatividade.
A partir de vídeos, leituras, imaxes e conversas, abriremos a nosa percepción a estes campos percorrendo algunhas liñas da historia (revisitada) das artes vivas vinculándoas co presente e coas creacións actuais, con referencias ao programa curatorial que RPM vén despregando ao longo do tempo.
Con esta iniciativa, RPM continúa ampliando as súas liñas de relación entre artistas e cidadanía, entendendo que o acompañamento ao facer artístico tamén pasa por xerar comunidade, por seren capaces de compartir preguntas, ampliar referencias e fortalecer o vínculo entre unhas e outras.
Sesións temporada outono 2026
Martes de 19 a 21 horas, cada dúas semanas, na temporada de outono.
29 de setembro de 2026
13 de outubro de 2026
27 de outubro de 2026
10 de novembro de 2026
24 de novembro de 2026
Inscricións
https://forms.gle/ZWMuZKFyjugbWBR96
aportación mínima suxerida: 6€ / sesión
doazóns RPM: https://www.colectivorpm.gal/gl/doazons
Sabela Mendoza
Investigadora, creadora e xestora cultural independente, especializada en danza e artes performativas, así como na creación contemporánea e na análise de políticas culturais. Licenciada en Dereito, Máster en Xestión Cultural e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual. Traballou como comisaria, asesora ou produtora para diversas entidades e proxectos culturais. É fundadora e directora da plataforma artística e editorial De corpos presentes. Colabora de forma regular co coreógrafo Javier Martín e con A Casa Vella, centro de creación no rural.
Como autora presentou as súas pezas performativas “O público está aquí” (2016, publicado como libro pola ed. Estraperlo en 2019), “Dedicatoria” (2020, en colaboración con Nieves Neira) e “Dobrez” (2022). En 2025 foi co-curadora do programa de artes vivas “por asalto” en TEA Tenerife Espacio de las Artes. Desde o 2025 é tamén directora artística da MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.