CROIX
CROIX concíbese como un espectáculo de mediación que busca achegar o público a novas miradas sobre as artes escénicas, poñendo o foco na evolución da danza e do circo contemporáneos, así como nas súas novas linguaxes, formatos e formas de relación co corpo.
A proposta adopta un enfoque didáctico, accesible e participativo, dirixido tanto a públicos non especializados como a contextos e espazos non convencionais. Formúlase como unha experiencia escénica na que a transmisión de contidos convive coa poética do xesto, a voz, o texto, a imaxe, o son e a presenza. Situada nun territorio híbrido entre a danza contemporánea, o circo contemporáneo e as novas linguaxes escénicas, CROIX propón un formato de conferencia performativa que cuestiona as fronteiras entre disciplinas e converte a investigación en materia escénica.
A proposta nace cunha clara vocación pedagóxica e de mediación cultural, entendendo a creación de novos públicos como unha ferramenta fundamental para favorecer o acceso, a comprensión e a participación nas artes escénicas contemporáneas.
Despois de presentarse no FIOT 2025 e en Culturgal 2025, o proxecto continúa o seu proceso de creación e desenvolvemento en 2026, coa coprodución do Pazo da Cultura de Carballo e o apoio á creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Cruceiros Paraíso de RPM e A Casa Vella.
Paula Quintas
Paula Quintas (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. A súa traxectoria desenvólvese no cruzamento entre a danza contemporánea, o circo e as artes do movemento, investigando as relacións entre corpo, espazo, gravidade, suspensión e percepción.
É licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, graduada en Danza Contemporánea polo Trinity Laban Conservatoire of Music and Dance de Londres e diplomada polo National Centre for Circus Arts de Londres. Posúe un máster en Artes Escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos. Na actualidade, desenvolve unha investigación doutoral en Creación e Investigación en Arte Contemporánea na Universidade de Vigo, centrada nos límites e nas confluencias das artes corporais.
É directora de Danza Alfaia, espazo pedagóxico e de investigación en Santiago de Compostela, e especialista en técnica Laban. A súa actividade docente combina a transmisión técnica con metodoloxías contemporáneas de investigación do corpo e do movemento.
Como creadora, desenvolve o seu traballo baixo o nome de Paula Quintas-Cía, un proxecto con máis dunha década de traxectoria, caracterizado pola hibridación entre danza e circo e pola creación de propostas cunha forte dimensión visual, corporal e experiencial. Entre os seus principais traballos destacan Royal (2026), Aurora Boreal (2025), O salón dos pasos perdidos (2023), MULTIPERSPECTIVAS#3 (2021-2024), Nina Ninette (2021), SET (2020), Alma (non é hippie) (2019), Plastic (2018), Analepsis (2017) e Up2down (2015).
Colaborou e participou en proxectos de compañías e artistas como trasPediante/Determinada Compañía, Pisando Ovos, Pistacatro, Kirenia Danza, Colectivo Glovo, Duelirium, Marta Alonso Tejada e Jui Wei Hung, ademais de realizar traballos de dirección para compañías como IO, Greta Marí e Node (País Vasco).
Paralelamente, desenvolve un importante labor no ámbito da xestión e da dinamización cultural da danza e do circo en Galicia. É directora artística do Festival 6 Coreógrafas da Estrada, directora adxunta de Abanea Festival de Danza e Movemento, directora artística de Ciclo en Movemento en Santiago de Compostela, presidenta de ACIELOABIERTO, rede de festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais, e vogal de Emprendo Danza. Tamén formou parte da directiva de Escena Galega e foi codirectora do Festival Corpo(a)Terra (2013-2021).
A súa traxectoria articula creación, interpretación, pedagoxía, investigación e xestión cultural a partir dunha práctica artística que entende o corpo como territorio de experimentación e que busca xerar espazos de encontro entre disciplinas, artistas e públicos.