Noel Quintela

Imaxe Noel Quintela

León

León é un alter ego de Noel Quintela para o cal non existen os límites. O ser no que se transforma para performar e para chegar ata todas as súas posibilidades e potencialidades. Para difuminar as fronteiras que pon en si mesmo a experiencia terrenal cotiá. León é todo e nada á vez. É Noel Quintela no seu estado máis puro e tamén todo o contrario a el. Está na súa consciencia e na consciencia de todo o que toca.

León sempre ten a pel de galiña. Vive nun campo de xirasois, e sabe o nome de todas as flores e de todos os cogumelos. Ten dúas orellas enormes e peludas, cas que escoita paxaros a quilómetros á redonda. León performa, baila, toca, e sabe todas as coplas e todos os puntos e artes marciais, sabe as estrelas e constelacións e a toponimia galega enteira; sabe todo o que aínda non sabe Noel. León practica a hiperhonestidade, e a biofilia e abraza a continua metamorfose do seu ser. León vive nun continuo presente, alimentado pola súa ancestralidade e manifestando o seu futuro.

É un proxecto no que se investigará a voz, a percusión e o corpo no folclore galego, a performatividade dun ser mitolóxico e máxico, a expresividade das mans e dos cadrís e a creación de personaxe. 

Este Cruceiro Paraíso é posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña. 
 

Imaxe Noel Quintela

Noel Quintela

Noel Quintela criouse entre Monforte e Manán (Sarria). Estudou o grao profesional de danza contemporánea no Institut del Teatre de Barcelona. Tras acabar, traballou por dous anos en Dantzaz (Donostia) e agora leva un ano de bailarín independente en Portugal, traballando con Joana Providência e João dos Santos Martins. Entre tanto, en 2022 presentou o seu solo O panda vermello no Ciclo Mexer do MIHL, e en 2023 creou diferentes performances xunto co Qbonito colectivo que foron presentadas en Tabakalera Donostia. Recentemente, en xaneiro de 2024 comezou, xunto con Ángela Díaz Quintela, o proxecto A p a l l e i r A en Manán, un espazo adicado á creación e formación en relación ás artes vivas e á natureza.