Cerrados y dormidos los ojos bailan
Un diálogo entre a Anatomía Inventada de Natalia Fernandes e o Cine Ciego de Marta Azparren.
Deste encontro, as dúas creadoras inician unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible (aquela que ocupa o negativo da bailarina), a creación colectiva da súa anatomía tan precisa como imposible e xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.
Nun proceso que pensan sempre aberto, Marta e Natalia teñen o desexo, na súa estancia en Ribadavia, de revisitar o material teórico e escénico explorado deste primeiro encontro para seguir investigando e buscando as estratexias performativas de como traducir este diálogo co público co desexo de transformar e seguir bailando cos nosos ollos.
Natalia Fernandes & Marta Azparren
Natalia Fernandes é unha intérprete e creadora brasileira establecida en España dende 2017. A súa formación en danza desenvólvese entre o contexto universitario (UNICAMP) e a escena contemporánea paulista. Traballou con coreógrafos en Alemaña, Israel, España, India, etc., e como creadora e profesora en países de Europa, Oriente Próximo, África e EE.UU. En 2017, iniciou a súa investigación sobre o método Anatomía Inventada e comezou unha serie de traballos en España con Jesús Rubio Gamo, Celso Giménez/La Tristura, Poliana Lima, entre outros. A súa creación máis recente, El Carnaval No Es Alegre – TINY-DESK, estreouse no Festival TNT 2023 e no Conde Duque – Madrid. En 2024 é artista residente do Graner, La Poderosa e C.C. Barceloneta, onde investiga a súa metodoloxía práctica Anatomía Inventada e dá comezo ao seu novo proxecto escénico Objeto Não Identificado – unha coprodución do Mercat de Les Flors e Conde Duque.
Marta Azparren é unha artista visual non visual. Móvese entre o cine experimental/expandido, as artes vivas e o debuxo. O seu traballo adoita ocuparse da actividade artística atendendo ás conexións entre creadorxs, espectadorxs, obra e maquinaria interna da mediación, a produción e a exhibición. A mirada diríxese, ademais, cara ao non visual no visual, o que tende a desaparecer. É autora do ensaio Cine ciego. Detener o fluxo das imaxes, sobre o cine monocromo e as imaxes sen imaxe.