Fío
"Fío" foi un proxecto no que as escenógrafas Montse Piñeiro e Laura Iturralde investigaron sobre a creación dunha narrativa completamente obxectual. Para isto, crearon un dispositivo escénico no que as usuarias podían intervir de diversas maneiras e construír unha historia a través do material dado.
Montse Piñeiro & Laura Iturralde
Montse Piñeiro
Experimento coa luz, a escultura e a imaxe en movemento en proxectos de distinta natureza. Nas artes escénicas, traballo na creación de movemento en obxectos inanimados a través do emprego da luz e o estudo da persistencia retiniana, sendo galardoada no 2020 cunha bolsa da Archie Bray Foundation de Montana para investigar a relación entre a animación e a cerámica. Desta maneira, trato de expandir os conceptos da luz e o debuxo ás artes vivas.
Laura Iturralde
Traballa como iluminadora, escenógrafa e videocreadora con múltiples compañías de teatro e danza como A Quinta do Cuadrante, Centro Dramático Galego, Licenciada Sotelo, Incendiaria, Cía Borja Fernández, Brigitte Vasallo, Pálido Domingo ou o espectáculo Fariña. Participa tamén en proxectos musicais como iluminadora e videocreadora con artistas recoñecidas no panorama nacional e internacional coma Mercedes Peón ou en formacións como Banda Crebinsky, Margarida Mariño, Sumrrá ou Pálida. Desenvolve tamén o seu traballo máis persoal nos proxectos de música con visuais como Corvax e en instalacións como Centinela.
Explora desde 2016 a liña do live cinema e as visuais a tempo real a través de cámara en vivo participando con proxectos como Lorca Namorado, Vesalii Icons do TAC, Trilitrate e Nostoc.
Combina a súa actividade en artes vivas coa docencia, impartindo en diversas entidades cursos vencellados á creación de videoescena e á iluminación para espectáculos e exercendo de docente de Iluminación de xeito temporal na Escola de Arte Dramática de Galicia.