AiMiN
Desde a antropoloxía sempre se intentou encher certos buracos, espazos, ocos, baleiros da historia e darlles un sentido en cada momento; que ocos terá esta obra de danza?
Ese misterio, que non ten por que asociarse a algo escuro polo feito de ser un buraco, podería vincularse a algo brillante, e isto é o que esperta o imaxinario desta proposta.
A partir desta idea intentamos imaxinar algúns deses buracos pasados, presentes e futuros. Cando veñan os aliens, intentarán descifralos, do mesmo xeito que o fixemos nós cos nosos antepasados: intentando atribuírlles o sentido que necesitamos que tivesen. Enchendo eses buracos de información e fake news da época por interese. Chámeselle político, relixioso ou, o que é o mesmo, económico.
Nesta residencia formúlase un exercicio de imaxinación cara ao futuro, pero tamén de baleirado cara ao noso presente e pasado. Un corpo sairá ao escenario. Ese corpo saíndo ao escenario provocará, ou mellor dito, non provocará, a indignación do público ante un acto que prometía a aparición, e non a ausencia, dun corpo que finalmente decidirá saír. Quizais indigne o público por outras cuestións.
Marta García Navarro
Graduada en Psicoloxía pola Universidade de València e graduada en Coreografía e Interpretación en Danza Contemporánea no Conservatorio Superior de Dansa de València Nacho Duato. Máster en Xestión Cultural (UV e UPV) e máster experimental de mediación e educación a través da arte/PERMEA (UV e CMCV).
É creadora e intérprete nas compañías Lola Boreal, Columpiant La Dansa, Les Juntes, La Coja Dansa e Visitants Teatre. Desenvolve proxectos de investigación xunto a Noe Arcos, como o proxecto A_E_I_O_O_U. En 2024 realiza un proxecto artístico-pedagóxico chamado «COSICA» e en 2025 inicia un novo proceso de creación chamado «FAMILIARITZAR-SE», que actualmente se está consolidando como AiMiN.
Entre 2019 e 2024 desenvolveu tarefas de xestión na APDCV e é responsable da xestión de públicos e da mediación do Festival Russafa Escènica e do proxecto Via Escènica. Tamén é docente de ensinanzas regradas elementais e profesionais no Estudio de Danza María Carbonell. Desde 2017 traballa como bailarina en contornas educativas co proxecto COS I ESPAI e, desde 2024, no IVAM, con proxectos de mediación en danza xunto a Paula Romero.
Durante o curso 2025/2026 foi profesora especialista do CSDV Nacho Duato na especialidade de Composición Coreográfica.