Hydra
Hydra é un proceso de investigación en relación á auga e o seu cambio de estado como punto de partida para xerar preguntas sobre a transformación, os límites, e a intimidade; o espazo desprégase a partir dunha escultura inicial e o seu inevitable desmoronamento, emerxendo en escena entidades e criaturas, que coma ficcións posthumanistas, se (con)funden nunha paisaxe líquida, viva e en constante mutación, propoñendo seres mitolóxicos contemporáneos en continua metamorfose.
O proxecto Hydra aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e o derrumbamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións.
Lucas Damiani
Lucas Damiani é un artista uruguaio afincado en Lisboa e Berlín, que traballa nas interseccións entre as artes escénicas e visuais, con formación en fotografía, psicoloxía, danza contemporánea e performance.
No ámbito da danza, estudou e formouse con diversos artistas, entre eles Mónica Valenciano (ES), Lucas Condró (AR), Maya M. Carroll (IL), João Fiadeiro (PT), Faye Driscoll (USA) e Diana Niepce (PT), entre outros. Completou o curso intensivo SNDO (Ámsterdam, 2018) e o programa anual de formación TanzIntensive de Tanzfabrik Berlin (2019-2020).
Lucas traballou con varios artistas, entre eles Guillermo Weickert - Tocar Con-Mover (SURGE Madrid 2019), Lee Mingwei - Our Labyrinth (Martin-Gropius-Bau, Berlín 2020), João Fiadeiro - R|EXISTÊNCIA (Teatro do Bairro Alto, Lisboa 2021), Marcelo Evelin - Barricada & Batucada (Transborda, Almada 2022 e 2023), e Sofia Dias & Vítor Roriz (novo proxecto, en creación), entre outros. Tamén colaborou con Noumissa Sidibé (FR) na creación de instalacións performativas, como While there is still room (Berlín, 2020). Lucas formou parte do programa PACAP na quinta e sexta edición (Forum Dança, Lisboa).
O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.