Jandross Rodríguez

Imaxe Jandross Rodríguez

Suksen

Suksen parte dunha curiosidade arredor da fetichización do imaxinario popular de velar e manter loito. Que sucedería se, dende o cuir, abordásemos o morrer? Cómo voltar á intimidade e á pausa que existe nesta catarse? Qué hai no cuir como práctica, que pode axudar a reimaxinar esta tradición e os seus coidados?

Suksen explora dende o corpo unha fisicalidade límite, situándose no limbo que separa a escuridade íntima do amencer ruidoso. Traballa coa capacidade residual, inmanente a un corpo canso que segue a moverse para sobrevivir, para que o escoiten, para que o acompañen.

Imaxe Suksen

Jandross Rodríguez

Alejandro Rodríguez, coñecido artisticamente como Jandross (Vilagarcía de Arousa, 2000), é un bailarín e creador galego cuxo traballo se sitúa na intersección entre a práctica escénica, a investigación académica e a xestión cultural. Formado inicialmente en Hip Hop e teatro musical, dende o ano 2018 centra a súa linguaxe artística no Waacking, participando activamente na comunidade nacional e internacional deste estilo e consolidando a súa formación con grandes referentes en diversos eventos e cursos internacionais ao longo dos últimos sete anos. Exerce como docente e codirector da formación profesional de danza urbana PikaYMika en A Coruña, e como mestre rotatorio na formación da asociación Waacking Spain.

Como intérprete, a súa carreira profesional iniciouse en 2018, destacando a súa participación no musical Cats e en diversos proxectos audiovisuais para artistas emerxentes. Nos últimos tres anos, mantén unha estreita colaboración co artista Mondra, formando parte como bailarín da súa actual xira De Ronda. Movido por unha forte vocación cara á creación, Jandross lidera o proxecto A Noite do Cuco, unha obra en proceso na que reflexiona sobre o duelo e as tradicións asociadas no presente, sentando as bases da súa identidade escénica.