Os anos da luz
A luz é a natureza común que se atopa en todos os corpos, tanto celestes como terrestres –San Buenaventura–. Un altar, calquera lugar sacro. Un espazo de oración convoca ás nosas paisaxes interiores –microcosmos– e ás paisaxes espaciais – macrocosmos–.
Oración como acto de recollemento e necesidade, como práctica reiterada de procura e transformación. Que é se non a práctica da danza? A oración lévanos á liturxia, que é ritual e celebración, e a liturxia á epifanía, como manifestación, aparición ou revelación. O corpo é ritual, a luz é epifanía.
Irene Cantero
Traballa en realidades diversas sempre enmarcadas nas artes vivas: as linguaxes do corpo –coreografía, interpretación e pedagoxía– e a luz –deseño de iluminación–. Desenvolve a súa propia obra e colabora con compañías e artistas independentes que sosteñen unha liña entre a danza contemporánea, a performance e os xéneros híbridos.
Licenciada en Escenografía na Real Escola Superior de Arte Dramática e en Coreografía no Conservatorio Superior de Danza María de Ávila, Madrid. Obtivo bolsas de creación e investigación como Bolsa Danceweb- Impulstanz Viena, Axudas á produción INJUVE, Residencia en Fráguaa e Centro de Danza Canal, Artista residente na Real Academia de España en Roma, Artistas en residencia na Casa Encendida e CA2M, etc.
A súa práctica artística explora unha forma de entender a danza desde a transdisciplinaridade e a resistencia. Presentaron traballos en Matadero Madrid, Festival Internacional de Danza de Itálica, Sevilla; Festival differenti Sensazioni, Biella, Italia; Festival Danzamos, Madrid; Real Academia de España en Roma, Sevilla Fest, etc.