Bautismo
Pases Bautismo – 20, 21 e 22 de decembro de 2024 > Formulario de reserva
Bautismo é unha peza de inmersión, unha incursión privada e fuxaz nun espazo de coidados onde poder deixar o teu corpo suspendido entre as burbullas dun jacuzzi desbordante de recordos líquidos colectivos. Bautismo é un rito de paso, unha experiencia efervescente nun caldo primixenio no que poder devir nun intre en solitario. Creada no verán de 2021 a modo de antídoto contra a tristeza e os medos xeneralizados característicos dos meses de pandemia que a precederon, a peza trata de ser unha especie de bálsamo, un lugar ao mesmo tempo de evasión e de reconexión. Bautismo é a primeira dunha serie de pezas de inmersión para corpos acuáticos da artista.
Bautismo estará aberta durante tres días (20, 21 e 22 de decembro de 2024) con pases individuais de 30 minutos de duración, previa reserva de horario.
Bautismo é unha peza de iara Solano Arana, co apoio do Teatro de La Abadía Madrid. A idea orixinal, o texto e a voz son de iara Solano Arana, a música orixinal e acompañamento de Sammy Metcalfe e a locución de apertura/peche de Camila Vecco Haddad.
Este Cruceiro Paraíso é posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
Encontro Ética e compromiso na creación relacional
19 de decembro de 18.30 a 20.30 h > Formulario de reserva
Ademais das sesións de Bautismo, temos a oportunidade de coñecer un pouco máis o traballo de iara Solano no Encontro Ética e compromiso na creación relacional que ten por obxectivo reflexionar acerca da accesibilidade e da responsabilidade nos proxectos e procesos artístico-culturais.
Toda relación profesional e toda colaboración ten unha dimensión ética. Como investigadoras, docentes e creadoras de experiencias escénicas ou de arte relacional, non temos ás veces a experiencia e as ferramentas necesarias para un mellor e máis xusto desenvolvemento das nosas prácticas participativas e colaborativas coas comunidades, coas nosas colaboradoras, cos públicos e co entorno. Como emprender un proxecto de mediación honesto? Como compartir as nosas prácticas facendo o noso taller máis inclusivo? Como plantexar unha colaboración ou co-creación coa comunidade que non caia na instrumentalización?
Os nosos proxectos artísticos colaborativos non poden avanzar senón é sobre a base dos valores de reciprocidade e solidariedade propios das lógicas verdadeiramente comunitarias. É así, que neste encontro entre profesionais propoñemos reflexionar sobre a creación artística relacional desde un enfoque máis afectivo e sensible. A través dun diálogo colectivo analizaremos a natureza e coherencia dos nosos procesos e proxectos á hora de situalos dentro dun marco máis plural e reflexivo, vehiculado por un recoñecemento mutuo máis perceptivo, urxente e igualitario.
iara Solano Arana compartirá as súas experiencias de creación relacional e unha serie de nocións e ferramentas que poden ser útiles para aquelas artistas e investigadoras que desexen analizar e monitorizar as súas creacións colaborativas e/ou participativas. As participantes poderán compartir asemade as súas experiencias e perspectivas para identificar barreiras e convencións, e para repensar xuntas o acto de crear. O obxectivo é discurrir como a creación pode ser máis plural atendendo ás diversas singularidades, tecendo proxectos que promovan o cambio social de maneira que non só non comprometan a súa calidade artística, senón que se enriquezan a través de miradas novas e máis atentas.
iara Solano
iara Solano Arana é creadora e investigadora licenciada en Artes Escénicas Europeas pola Universidade de Rose Bruford College (Reino Unido) e con Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual. A súa práctica céntrase no deseño de dispositivos relacionais que atravesan disciplinas e que colocan ao público como núcleo ou detonante dunha peza escénica, expositiva ou audiovisual. En 2006 co-funda a compañía Sleepwalk Collective xunto con Sammy Metcalfe, con quen creou experiencias escénicas para teatros e espazos alternativos que fixeron xiras por 4 continentes, recibindo 4 premios internacionais e numerosas nominacións pola súa contribución á innovación escénica. Actualmente desenvolve o seu traballo como artista independente, creando experiencias privadas en espazos públicos, e desdibuxando os límites entre teatro, danza, cine e instalación, sendo o vis-a-vis e o de inmersión aqueles formatos que utiliza habitualmente. Combina a súa práctica artística coa mediación, así como con outras actividades formativas e de asesoramento, e acompañando os procesos de outras artistas e investigadoras. En 2019 recibe o Premio ás Boas Prácticas no ámbito de creación e xuventude que outorga o Concello de Vitoria-Gasteiz e en 2023 recibe o premio internacional S’Empatia Carlo Solinas por unha traxectoria artística cunha forte mirada comunitaria.