Hacer amor
Hacer Amor. Un musical das Hermanas Gestring.
As HERMANAS GESTRING sacrificaron as súas cabezas fronte Hades e cantaron sobre a súa propia tumba para ser devoradas por unha medusa da Illa máxica de Eivissa.
Pero 3 anos e 18 días despois
RESUCITARON.
Agora son múltiples, mutantes e, por suposto, amorosas.
Son Oso Polar e Oso panda.
Son Palito e Poliña.
Son Entes de Luz.
Son un Gran Ballet.
Son un Coro de Salve Rociera.
Hacer Amor será un paseo polas montañas.
Un amencer.
Un retiro espiritual.
Un mirar a cheminea nun domingo de choiva.
Un meloso musical.
Será unha tortilla de patacas.
As Hermanas Gestring dinnos:
Irmáns, necesitádesnos, estades cheos de odio e a ansiedade vos corroe por dentro,
xa está ben, é a hora, hai que HACER AMOR.
Obra que celebra o noso décimo aniversario como irmás, como Laura e Greta unidas por un pacto de embigos.
Jastas Pista 2024
Venres 27 de decembro de 19 a 22 horas no Bar La Barra
(entrega de dorsais dende ás 18 h)
Para celebrar o final de 2024 temos preparada unha última actividade que nos fai especial ilusión. Imos pechar o ano bailando da man das Hermanas Gestring nun maratón de baile veciñal que facemos en colaboración co Bar La Barra na Coruña. Baixo a batuta das Hermanas Gestring e o acompañamento de Jas Processor como DJ convidado e de Alba Fernández Cotelo, Alexis Fernández, Ana Beatriz Pérez, Armando Martén e Eloi García como artistas locais convidadas abrimos un espazo lúdico para toda a veciñanza.
Un maratón de baile veciñal con premios e xurado popular para pechar o ano cunha experiencia colectiva.
Hermanas Gestring
Primeiro premio ex aequo no 30º Certame Coreográfico de Madrid. Premio Lorca 2017 Mellores Bailarinas de Danza Contemporánea por "GOOD GIRL". Laura e Greta deciden unirse en 2013 e apostar por novos camiños para a creación. Para iso configuran dous personaxes: Aletra e Virtue, capaces de adaptarse ao inmediatamente dispoñible. De modo natural a vídeo-creación convértese na súa principal ferramenta, a través de Youtube e mesmo Whatssap. Deron paso á performance creando obras para galerías de arte e espazos alternativos como “Enfajadas” ou “Pulquérrimas” dentro do programa Iniciarche. Colaboran con outros artistas como o músico Sleepy James en “Aletra e Virtue se van de Balanegra”, o coreógrafo Juan Luís Matilla (Mopa) con “Ese de ahí te va a matar” ou participan como intérpretes na obra ideada por Miguel Marín “Welcome to the Montgomery Experience”. Crean “We’ll kill you” en Alemaña para o Festival RootlessMovement. En 2016 afirman o seu traballo ao resultar gañadoras do Certame Coreográfico de Madrid Pasoa2 con “GOOD GIRL”, peza coa que viran por varios festivais de España e no estranxeiro, reciben Premio Residencia en Tanzhaus Zúric onde nace a semente de “A matar” que se estrea a finais de 2018 no Teatro Central. E en 2019 participan no proxecto Silent City de Artscennico Performing Arts en Dortmund (Alemaña) e comezan unha nova liña apostando pola música co concerto “ADORA A LAS HERMANAS GESTRING” xunto ao músico Lorenzo Soria e Diego Caro. En 2021, son actrices do curto de Joaquín León “Calor Infinita” e soben ás plataformas temas como “O meu noivo baila regular” e “Muerte por tetaso”. En marzo 2022, as Hermanas Gestring, comezan un primeiro período de creación como intérpretes baixo a dirección do creador Enrique Baró Ubach en “¿Cómo se dice hacerse el sueco en sueco?”. En 2023 as Hermanas Gestring cumpren 10 anos e hai que celebralo da única maneira que sabemos e dándolles ao público o que máis necesita: “Hacer Amor”.