Furia Sotelo

imaxe Furia Sotelo
Miguel Ángel

Sobre o extravío ou a arte de perderse

Sobre o extravío ou a arte de perderse é un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o olvido necesario e a arte de perder. Cando o corpo fai lugar e a presenza transforma o espazo, convertíndose en parte do mesmo, transformándose en obxecto.

No proceso de creación de Sobre o extravío ou a arte de perderse contarán co deseño de iluminación de Laura Iturralde e a composición sonora de Camille Hedouin, para xerar unha suspensión de tempo e espazo, rompendo así a sensación do tempo lineal, na que incorporar o movemento dun corpo brando, coa lixeireza dun corpo disposto á danza,  ca naturalidade cotiá do camiñar, lavarse as mans ou preparar unha cafetera. 

imaxe Furia Sotelo Sobre o extravío ou a arte de perderse
imaxe Furia Sotelo Sobre o extravío ou a arte de perderse

Furia Sotelo

A compañía Licenciada Sotelo aparece en 2010 coa presentación de Nuria dirixida por Ana Vallés coa obra Métanse nos seus asuntos. A partir dese momento Licenciada Sotelo, co corpo e o movemento como centro, camiña en busca dunha linguaxe escénica ecléctica e multidisciplinar. 

Licenciada Sotelo produce diversas pezas que se poideron ver en redes de teatros autonómicas e festivais nacionais e internacionais. No 2016 recibe o premio do 30 Edición do Certame Coreográfico de Madrid pola súa obra Ensaio amor, e co seu penúltimo espectáculo de sala Mortais e vulnerables a compañía pasa a chamarse Furia Sotelo.

Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no eido do movemento, traballadora no ámbito social das artes, impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, traballando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro, e realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos.

Ana Vallés é cofundadora da compañía Matarile Teatro (1986), na que dirixiu máis de 30 montaxes. 
O último, FRÁXIL Handle With care, 3ª parte da Triloxía da Fraxilidade, foi estrenado en 2023 en coprodución co Teatro Español e o CDG.