Waackea “Análise da feminidade a través do waacking”
“Análise da feminidade a través do waacking” e o proxecto de creación en danza que presentamos para as residencias Paraíso 2019.Con este proxecto buscamos investigar o concepto cultural da feminidade no movemento, enmarcado no contexto da danza urbana Waacking, e a súa evolución ao longo da historia pasando por diferentes corpos.
As danzas urbanas como o Popping, House, Waacking e principalmente o Hip Hop son tradicionalmente dominadas por homes. Sen embargo, actualmente, o Waacking é practicado por unha porcentaxe máis grande de mulleres que de homes. Isto lévanos a cuestionar cal é a orixe da popularidade deste estilo entre as mulleres do noso século. Tendo en consideración que o Waacking nace de comunidades de minorías étnicas e homosexuais e é adoptado hoxe en día por milleiros de mulleres de diferentes culturas tratamos de investigar o poder kinestético deste movemento e como a súa bagaxe cultural pode liberar ou perpetuar os estereotipos de xénero.
Elahood
EIahood é unha compañía galega de danza urbana e creación contemporánea formada por Sabela Domínguez e Julia Laport no ano 2017. A compañía aposta por visibilizar as danzas urbanas como un medio de expresión lexítimo na danza profesional, sosteñen unha visión artística clara e directa, caracterizada por unha linguaxe visual e musical cunha mirada cara fóra.A perspectiva de xénero e queer forma parte intrínseca da identidade da compañía.
En xaneiro de 2018 estrean o seu primeiro espectáculo de longo formato A Soidade de Wally. Tamén contan con pezas curtas para rúa e espazos non convencionais; Impermeable (2018), Protocolo (2018), NOUA (2019), Desvendando os meus pés (2021) e Intempestiva (2021).
Actualmente están a comezar o proceso de creación do seu novo espectáculo para teatros e auditorios, NÓ, unha co-produción co Centro Coreográfico Galego, da man de Aina Lanas e Kenrick Sandy, que se estreará no mes de febreiro de 2022.
Profesionalmente, tamén colaboran con outras compañías na creación e interpretación de proxectos escénicos: Clásicas Desfeitas Volume III: Orlando, A Consagración da Primavera e o Mito de Sísifo, unha co-produción entre o Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura (2021) e Replay 2.0 de Pisando Ovos (2021). Combinan isto co seu papel pedagóxico e tamén son coreógrafas e directoras do Colectivo D'elas.