Borja Fernández & Diego Anido

Borja Fernández na obra
Borja Fernández, Diego Anido e Laura Iturralde retrato urbano

O inevitable

Con este proxecto nace o Colectivo Marciano Balboa, integrado por dous creadores escénicos, Diego Anido e Borja Fernández, unha deseñadora de iluminación e audiovisual, Laura Iturralde, e un músico, Pablo Rega.

O Inevitable é o seu primeiro directo. Unha acumulación de escenas baseadas nos efectos secundarios da fe, nos remakes turcos de Rambo e nos momentos máis íntimos da vida dun lobo solitario chamado Antonio, un tipo que fai milagres.

“Rambo comía noces negras dunha nogueira e, mentres se deixaba traspasar polo aroma dos aligustres, miraba o contorno da montaña e pensaba en como salvar todos eses montes rectilíneos que parecían soldados. Diñeiro plantado en liña. Avergoñáballe formar parte dunha sociedade que se apropia das terras coma se os contratos fosen asinados directamente por Deus...”

Borja Fernández & Diego Anido

 

Borja Fernández

Actor e director escénico. Colabora desde o 2003 co Grupo Chévere e desde o 2016, é membro do grupo de teatro documental que dirixe a mesma compañía.

O seu proxecto SALVADOR foi seleccionado por Iberescena 2017 para as súas bolsas de creación dramatúrgica no estranxeiro (Brasil). Traballou para o Centro de Dramático Galego como actor, músico e bailarín en 2005, 2008, 2013 e 2018 baixo a dirección de Ana Vallés, Quico Cadaval, Fefa Noia e Xesús Ron, respectivamente.

É vocalista, letrista e compositor do grupo de rock É unha Árbore desde 2005 e forma parte do grupo musical Metamovida desde 2012.

Cos seus proxectos escénicos ou en colaboración con outros colectivos e compañías, xirou por Galicia, España, Portugal, República Checa, Mozambique e Brasil a través de festivais internacionais, intercambios artísticos e proxectos socioculturais como Escena contamporánea (Madrid), Festlip (Rio de Janeiro), Festival DÁgosto (Mozambique), Festival Escenas do Cambio (Santiago de Compostela), entre outros.

 

Diego Anido

Comeza a súa formación en Compostela e trasládase a Barcelona en 2004. Alí comeza a colaborar con compañías e colectivos de gran traxectoria nacional; Agrupación Señor Serrano, Raravis, Andrés Corchero e Rosa Múñoz, no territorio galego forma parte de producións co CDG e Voadora, funda xunto a Borja Fernández, Laura Iturralde e Pablo Rega, o colectivo Marciano Balboa.

Os seus espectáculos O alemán, Paperboy, Cascuda, Symon Pédícri e a peza en proceso O rei do pop, son os títulos dalgúns dos traballos unipersoais do intérprete. Todos estes traballos conforman un colectivo de personaxes ficcionales, que transitan entre a cordura e a tolemia, entre a escuridade que habita nas persoas e as emocións humanas máis puras. Humor, misterio, e un traballo de movemento e interpretación moi pulido, que dan lugar a atmosferas hipnóticas.