Como cuando el pelo se eriza
Este proxecto parte dunha incoherencia: unha desgarrada carencia de desexo e unha necesidade de facer o que me dea a gana. De aí nace unha investigación coreográfica obsesionada co capricho. Capriccio do italiano: combinación de caput (cabeza) e ericius (ourizo). As primeiras semánticas do termo aparecen no s. XIII, onde se refería á sensación dun tremor súbito, como cando o pelo se ouriza de espanto. Durante o Barroco temperán, o significado evolucionou cara a «antojo repentino». Neste mesmo marco temporal, o termo comeza tamén a designar un tipo de formas artísticas, un xénero musical, pictórico e arquitectónico.
Como cuando el pelo se eriza é un proxecto coreográfico ao que lle interesa xogar e afondar nunha constelación semántica que deriva deste tremor súbito: o desexo, a clase e o tempo. Un corpo impaciente que habita unha relación cunha ausencia, unha potencia de algo que aínda non está, non é e que tal vez nunca sexa. Esa potencia especulativa paréceme extremadamente erótica e quero encorporala a través de “tal vez” bailes e de “tal vez” cantares.
Blanca Gómez Terán
Blanca nace nun tórrido mes de xullo de 1990, no barrio de Prosperidade de Madrid antes da súa xentrificación, baixo un sol en Cáncer e un ascendente Xemelgos que contrarresta o melodrama canceriano. Vive entre Madrid e Gießen, onde está a finalizar o Máster en Coreografía e Performance na Justus Liebig Universität de Gießen, Alemaña. Este xullo, ademais, formará parte do programa DanceWEB no marco do festival Impulstanz.
Con formación en arquitectura, o seu traballo móvese entre as artes vivas e visuais, abordando a coreografía como un medio de investigación perceptiva e política. Paralelamente á súa formación como arquitecta, recibiu formación en danza contemporánea e noutras disciplinas das artes en vivo. Viviu en Brasil durante case dous anos e realizou a primeira edición do PACAP (2017), no Forum Dança de Lisboa, onde desenvolveu o seu primeiro solo.
Móvea unha paixón visceral pola danza e a coreografía, así como pola necesidade política de pensar a través do corpo. Gústalle a maxia, o escuro, bailar, os sons e o descoñecido. Ademais, desenvolve unha práctica profesional vinculada ao deseño gráfico e editorial, realizando identidades gráficas para diversos artistas, comisarixs e proxectos culturais.
No seu percorrido nas artes en vivo desenvolveu traballos propios e en colaboración en espazos como La Poderosa (BCN), La Caldera (BCN), Bombom Projects (BCN), Espaço Alkantara (Lisboa), Pradillo (MAD), La Casa Encendida (MAD), CA2M (MAD), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MAD), Mousonturm e Frankfurt Lab, entre outros.
En ocasións fai cartas astrais.