BFlecha, Mwëslee & Diana Toucedo

Imaxe BFlecha

Stratos (La piedra siempre estuvo allí)

Un encontro fortuíto cun tecnofósil enviado desde unha época futura marca varios acontecementos dunha viaxe na que estableceremos contacto a través de sistemas de comunicación bioquímica con seres unicelulares, poñendo de manifesto como o micro afecta ao macro, materia que vibra e nos afecta, creando relacións, efectos e posibilidades.

Unha posta en escena que se articula en diferentes capas que dialogan entre si: música viva, materia vibrante, o non humano, microorganismos como axentes activos no escenario. Voces de pensadores e pensadoras como Bruno Latour, Blaise Pascal ou Lynn Margulis acompáñannos nesta viaxe sensorial.

A música, o cinema e o escénico entrelázanse e unen forzas para crear unha linguaxe común. BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo –e Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld como colaboradores– conflúen para xerar unha forza colectiva maior.
 

BFlecha, Mwëslee & Diana Toucedo

BFlecha é o nome artístico da produtora, compositora e cantante Belén Vidal. Pioneira na escena electrónica iberoamericana, leva máis dunha década combinando vangarda sonora e instinto pop. Desde a publicación do seu primeiro disco, βeta (2013), non deixou de explorar novos sons. Esta evolución fíxose visible en Kwalia (2017) e alcanzou o seu punto álxido con ExNovo (2021), unha investigación entre a persoa física e virtual construída a partir dun ensamblaxe de instrumentos orgánicos e texturas dixitais. Ao longo da súa carreira participou en festivais como Sónar, Primavera Sound ou Documenta Madrid, así como en presentacións en países como EE.UU., Xapón, Alemaña e Reino Unido. Tamén destaca o seu traballo en composición cinematográfica en obras de Diana Toucedo como Camille & Ulysse (2021) e Tatuado nos ollos levamos o pouso (2022). Xunto a Mwëslee, forma parte de Arkestra Discos.

Mwëslee é o alias de Diego Cobo, produtor de música electrónica cuxas creacións combinan RnB futurista, electrónica avanzada e unha sensibilidade próxima ao avant-jazz. Membro fundador do colectivo/selo Arkestra e participante da Red Bull Music Academy (Seattle, 2005), a súa música foi apoiada por artistas como Gilles Peterson, Benji B ou Jackmaster e publicacións como Fact, XLR8R, Dazed ou Resident Advisor. Actuou internacionalmente, consolidándose como unha figura clave do hip hop vangardista contemporáneo.

Diana Toucedo é cineasta e montadora, situada na intersección entre o cinema e a investigación. O seu traballo foi seleccionado en festivais como a Berlinale, San Sebastián, Visions du Réel ou DocLisboa. Editou máis de 35 longametraxes e o seu filme Trinta Lumes (2018) obtivo gran recoñecemento internacional. Outros traballos inclúen Camille&Ulysse (2021) e Tatuado nos ollos levamos o pouso (2022). Actualmente desenvolve a súa primeira longametraxe de ficción e compaxina a súa práctica coa docencia e investigación académica.