Amalia Fernández

Imaxe Amalia Fernández

Prácticas en construción

O laboratorio RPM 2026 con Amalia Fernández —titulado Prácticas en Construción— procura unha versión colectiva propia da súa peza En Construcción.  

En Construcción é o proceso de montaxe dunha escena fronte ao público, e a súa posterior deconstrución, o que supón un despregamento de formas que converte dita escena nunha escusa para ir cara a outro lugar.   

Neste sentido, é unha viaxe desde o teatro, no sentido convencional, ata a coreografía.  A escena en si mesma é o marco estable que nos permite ir moi lonxe para logo regresar. É un lugar de ida e volta, que suxire un tempo infinito, circular, pero non repetitivo, xa que en cada volta do “círculo” se despregan elementos dramatúrxicos e coreográficos diferentes, que desencadean situacións e estruturas (partituras) novas e, como consecuencia, novas relecturas da obra. O despregamento que se propón é concreto, pero non conclusivo, é dicir, non se pecha. Suxire a infinidade de cousas que poderían ocorrer se non fose porque o tempo de representación é limitado.   

En Construcción non é unha peza cun final, senón máis ben un proxecto que se desprega en distintas direccións, con distintos obxectivos, distintos intérpretes e distintos públicos.       

A peza propón ao espectador unha experiencia de actualización continua, xa que todo se reescribe, se crea, se destrúe e se volve crear con outro sentido, de diante cara atrás e de atrás cara adiante, transitando entre o lóxico e o absurdo, o convencional e o experimental, o repetitivo e o inesperado.  

En Construcción é música visual e imaxe musical. 

Imaxe En Construcción

Amalia Fernández

Granada, 1970.

Formada en danza no Conservatorio de Sevilla e, posteriormente, en diversos laboratorios con artistas como Ana Buitrago, Olga Mesa, Elena Córdoba e Mónica Valenciano, entre outras.  

Membro da compañía “El Bailadero”, dirixida por Mónica Valenciano, durante dez anos. A partir de 2005 comeza a crear e dirixir os seus propios traballos. Desde entón, creou e interpretou doce pezas escénicas, entre as que destacan Matrioshka (2005), Kratimosha (2009), En construción (2014), El resistente y delicado hilo musical (2017), Expografía (2019), Neti Neti (2021) e Solala (2024). Tamén desenvolveu pezas en colaboración con artistas como Juan Domínguez (Shichimi Togarashi), Nilo Gallego (Perrita China), Cuqui Jerez (The Nowness Mystery) e Sonia Gómez (Bailarina), entre outras.   

Na súa faceta docente, colaborou con institucións públicas como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o MPECV, o Institut del Teatre de Barcelona e a Facultade de Belas Artes da Universidad Complutense de Madrid, ademais de diversas estruturas privadas e fundacións, impartindo laboratorios de creación. Así mesmo, é profesora certificada de Ioga Iyengar.        

Colabora habitualmente con distintos artistas acompañándoos nos seus procesos de creación, entre eles Laila Tafur, Joaquín Collado, La Chachi, Lucía Marote e Alberto Cortés.  

Actualmente traballa como intérprete en Lexicón, última creación de El Conde de Torrefiel, e nun proxecto de escritura derivado do proceso de investigación Neti Neti (Que é para min a danza?), que será editado en 2027 por La Caldera de Barcelona e Nyamnyam.