Andrea Quintana & Gena Baamonde / VACAburra

Andrea Quintana, bailando 01
Imaxe Metodoloxías carroñeras en escena
Andrea Quintana, bailando 02
Gena Baamonde en escena en Metodoloxías carroñeras

Don't kiss me I'm in training

Este novo proxecto que imaxinamos como unha peza en diálogo directo coa identidade, na busca de construir un lapso de tempo suspendido onde o identitario non ten a obriga de acabar, de definirse e os movementos que o acompañan non deixan de fluir nese saberse efémeros, fuxidíos, pasaxeiros. Reiterar ese aquí e agora como taboleiro de xogo que fuxe da permanencia e xoga nos traxectos sen chegar a ser.
 

As primeiras ideas e puntos de partida, lévannos a continuar indagando nesa articulación entre identidade, público, corpo e espazo na representación escénica, interese que nos acompañan ao longo do noso traballo e para o que nesta ocasión recollemos como referente inicial a creación fotográfica e a poética inxerida na obra de Claude Cahun.

O raro é que bailar sexa raro

Este traballo busca achergar a todolos públicos a diversidade sexual, atendendo ás posibles identidades, corpos e sexualidades. Fomentar unha mirada interseccional e transfeminista da realidade social que nos atravesa. Utilizar as artes escénicas como vía de sensibilización coa que fomentar a reflexión e o diálogo.

Bailar é perigoso, ameaza o sistema, complica a situación. A danza incomoda, afecta, descoloca e complexiza os modos de estar hexemónicos. A danza, contaxiosa e invasiva, desestabiliza as lóxicas da palabra, ameaza a linguaxe normativa.Bailar pode ser unha epidemia. Esta bailarina non ten trucos de maxia preparados. O seu material coreográfico é basto e ás veces incomprensible, fracasa nos xiros coa perna esquerda. Esta bailarina nunca quixo ser Giselle.Con todxs nós: un corpo en rebelión, atravesado, sublevado, a bailarina non normativa, a bailarina faquir, a taumaturga, a subalterna. Formas de estar que complican. Estratexias da invisibilidade activa ou identidades disidentes. Vida atravesada. Ficción bastarda. Capacidade para imaxinar. Divagación dificultosa con aparencia de profundidade. Esta é unha peza autobiográfica sen biografía, unha trampa ao ollo, unha coreografía maraña, un engano narrativo: coreo-biografía-pirata. Isto vai de bailar bailando.

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos

Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos é unha produción do colectivo VACAburra. onde colisionan dous corpos invertidos cunha longa traxectoria atravesada polo movemento, as artes escénicas e a investigación teórica. Un proxecto de Gena Baamonde ·mullerona· acompañada por Andrea Quintana ·la variopinta·.

Conferencia freak en formato desbordado arredor da lectura escénica dos corpos sexuados. Bastardía disciplinar, investigación desleal ubicada na mestura, na busca de carroña metodolóxica e incoherencia corporal que xorde da necesidade de expandir e traducir a linguaxe escénica o proceso de investigación académica da tese doutoral: Sexualidades Des-Xeneradas na Práctica Escénica Contemporánea. 

Esta peza investiga arredor do funcionamento dos mecanismos escénicos de construción das identidades sexuais diverxentes. Tenta achegar as ferramentas estéticas e ideolóxicas nas que se desenvolve a diversidade sexual nas novas linguaxes escénicas e analiza o cuestionamento da heteronorma e os xéneros binarios a través da súa representación escénica. 

Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos explora un formato bastardo de relación teórico-práctica que busca non só a transmisión de coñecementos xerados no campo teórico senón a creación de novos coñecementos xerados dende a escena, dende os corpos, reivindicando o humor como posibilidade dentro da academia. Validando tamén a linguaxe propia das artes escénicas que se presenta como unha ferramenta eficaz de diálogo entre a cidadanía e o ámbito universitario. 

Andrea Quintana & Gena Baamonde / VACAburra

 

Andrea Quintana

Artista variopinta de orixe galaico-salvaxe, bailarina bollera, coreógrafa en resiliencia, poliamorosa das artes vivas con perfil expandido. Impura, periférica, nómada. Interesada nas brechas, no imprevisible, na rebelión dos corpos escénicos e na danza como detonante de imaxinarios posibles. Diplomada en danza clásica e formada en danza contemporánea en Madrid, Barcelona e Bruselas. Estuda Anatomía Aplicada ao Deporte en Euskadi, en Bélxica estuda debuxo, escultura e Hª da Arte na Academie de Beaux Arts de Saint JooseNode, estuda ilustración na Escola de Arte de San Telmo en Málaga.​

Cunha longa traxectoria como intérprete en compañías como Daniel Abreu, Voadora, Lipi Hernandez, Pablo Esbert, Igor Calonge, Asier Zabaleta, Pisando Ovos, Teresa Navarrete, Hika Teatro, Carmen Werner, Patricia Ruz, Arrieritos ou o CDG. Colabora en proxectos de colisión artística con Janet Novás, Alberto Cortés, LaMacana, Félix Fernández, Licenciada Sotelo, Matrioska teatro ou Muller6ollos, proxectos nos que participa na coreoggrafía, na dirección ou na dramaturxia das pezas. Desenvolve as súas propias creacións escénicas dende o ano 2005 cun total de seis solos de danza e cun especial interese nos espazos de intersección entre disciplinas artísticas. No 2012 recibe o Premio INJUVE á creación pola peza Garabato.

Traballa en proxectos de mediación cultural practicando alén da creación escénica e impulsando propostas en relación ao territorio e as súas artistas na procura de lugares nos que afectar(nos), nutrir(nos) e desbordar(nos). Impulsa La Buena Aventura, espazo de formación e colisións artísticas en Málaga, foi socia fundadora do colectivo RPM e traballou no deseño do programa e mediación do TRCDanza.

 

Gena Baamonde

Creadora, directora, investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no eido da práctica escénica e a creación contemporánea. Interesada nas prácticas artísticas bastardas e nos cuestionamentos da tríada sexo-xénero-sexualidade que atravesan os corpos. Doutora en Belas Artes, titulada en Arte Dramática, especialidade Dramaturxia e Dirección, así mesmo ten formación en artes do movemento, igualdade, xénero e diversidade sexual. Dirixe Neorretranca e Posmorriña no CDG e realiza a dramaturxia e dirección en diversas compañías como A Artística, Xarope Tulú, Matrioshka, Elahood ou A Panadaría, coa que recibe o Premio María Casares á Mellor Dirección e Mellor Texto Orixinal coa peza Elisa e Marcela. Xunto a Andrea Quintana crea o colectivo VACAburra. Centrado na creación escénica e coreográfica en clave contemporánea cunha mirada transfeminista e o humor como ferramenta.

 

VACAburra

VACAburra. é o resultado da colisión de dúas artistas, unha vaca y unha burra, Andrea Quintana ·la variopinta· e Gena Baamonde ·mullerona· quenes unen as súas inquiedanzas e traxectorias nun proyecto común que xira en torno á creación escénica e coreográfica en clave contemporánea. O seu trabajo está atravesado por unha mirada transfeminista do mundo co corpo como accionador principal das súas creación, unha danza política co humor como ferramenta necesaria.

Para nós VACAburra. é un intentar intentando, un baile continuo, un camiño de tenacidade en avance imparable. Saltar o valado do prado, abrir fendas nos muros, forza bruta en estado salvaxe.